O "ROUCO" E O TRANSPORTE DE VIAXEIROS EN CASTRELO DE MIÑO.

VISTA DO RÍO MIÑO E O POBO DE TRONCOSO, DENDE FREÁS.

 O primeiro que se viu mover por si, foi o tren pitando e botando fume, collíase en Barbantes e levaba a Ribadavia e outros sitios, xunto cos toques das campás da igrexa, marcaba as horas do día -pasou o da unha, dicían-, logo, xa antes da Guerra, comezaron a verse os primeiros motores, os camións que viñan para levar viño para os pobos mariñeiros, e os coches mixtos que transportaban xente e gando.  Os transportes tradicionales de cabalerías foron indo a menos, os derradeiros foron  arrieiros, os «da montaña» que acudían a feiras e festas, e os feirantes e taberneiros. Xugadas de vacas e bois facían o transporte de estrume e leña nos pobos, e levaban as cubas de viño os almacenistas de Ribadavia e Barbantes, tendo a necesidade de poñer trancas nas rodas dos carros o baixar as empinadas costas, a chegada dos tratores supuxo o fin deste tipo de transportes. Grandes barcas de catro remos levadas por dos barqueiros atravesaban o río Miño, levando xentes, animais e carros.

A CHEGADA DA MOTORIZACIÓN.

Como xa se dixo, a importante motorización  no rural foron os transportes de mercadorías e viaxeiros. Os primeiros van engadidos o transporte do viño -case único excedente, con pequenas cantidades de gando vacuno, bovino e caprino-, viñateiros que viñan en boa parte de terras mariñeiras -Vigo, Marín, O Grove, Santiago-, tiñan apalabrado o viño directamente,  por medio dun pasante ou corredor, ou púñanse dacordo co bodegueiro para volver o ano vindeiro. Era un día de ledicia, chegaban a mañá cedo, pasábase o día baleirando o viño a man, de ola en ola, dende as cubas da bodega os pipotes dos camións, e comendo todos na casa do bodegueiro. 

As empresas de autobuses, dende a capital de Ourense e dende as vilas movían un importante número de viaxeiros. Antes da extensión do coche particular e da aparición da estación de autobuses do Pino, ditas empresas tiñan os locais de administración esparexidos polas rúas da cidade, o carón das cales aparcaban os autobuses da empresa. Había unhas maiores que facían desplazamentos entre cidades a Coruña, Vigo, Lugo e Pontevedra, como era o caso da Directa, o Suárez ou o Castromil, dispuñan de chofer, revisor, dividindo o espazo dos viaxeiros en dúas partes: berlina e xeneral. Outras eran de tipo medio como O Corderí ou o Mangana, e por último as pequenas empresas, unhas dedicadas como dicía o letreiro que levaban os autobuses na fronte «Ferias, fiestas y mercados» e outras que facían pequenos recorridos na provincia, e que tamén atendían de cando en vez a feiras e festas. Esta é a nosa pequena historia.

Estes vehículos de motor eran lentos, pesados e con moitas avarías, percorrendo estradas e caminos de carro, co chan de pedra e area, a eles débese o que a xente campesiña e aldeán, saíse dos pobos para comerciar e outras actividades . Eran case sempre pequenos . autobuses mixtos -para xentes e animais-, humildes empresas, case sempre dun só vehículo, de segunda ou terceira man, onde o dono era a vez chofer e mecánico. Homes arriscados e decididos, xeralmente grandes comedores, bebedores e fumadores, barulláns, e moi coñecidos e apreciados polos veciños dos lugares onde pasaban.  Nosa Guerra Civil (1936-1939) supuxo unha paradas, xa que tódolos vehículos de motor foron requisados polo exército para utilizalos como transporte de tropas e mercadorías. Naqueles vellos, cascados e lentos autobuses, onde o tempo da viaxe non contaba, mesturados homes -a maioría-, mulleres, vultos e paquetes, había tempo para darlle a parola, comer un bocado, encher o lugar de fume de «picadura», pasar frío ou calor, trousar e ata estender o paraugas, pois a veces chovía dentro.

 O espazo xeográfico onde nos vamos a meter e no concello de Castrelo, rematando na Parroquia de Macendo, pertencente a dito Concello. Na estrada que corre pola veira esquerda do Miño entre Ourense e Cortegada, a concesión  do servizo de viaxeiros tíñana os do AMPIAN, pero a atención as parroquias e lugares afastados, faino as pequenas empresas, como xa se dixo. Neste senso, trataremos de dúas empresas, «O sen xeito ou nunca chega» e o «Rouco», o que lle dedicaremos especial atención.

O «SEN XEITO OU NUNCA CHEGA»

Era o alcume que tiña o propietario dun vello autobús, que facía entre outros, o servizo os días de feira entre Cartelle e Ribadavía, collendo polo camiño veciños do concello de Castrelo.

 Ir a Ribadavia era «ir a Vila», conservaba boa parte do seu antigo esplendor. Cando non se facía a viaxe a pé, aproveitábanse os días de feira para visitar: médicos, avogados, farmacia, xastre, modista, perruqueira, mercar en moitos e pequenos comercios que había: mercerías, zapatearías, ferraxerías, e naturalmente comprar, vender ou ollar no campo da feira, ocupado polas cabalerías, porcos, galiñas, ovellas, cabras, millo, centeo, trigo e todo tipo de «plantío». Era  un día aproveitado para facer os encargos dos veciños, comer o polvo e a volta o pobo informar o vecindario de acontecementos e novidades. Ir a Ribadavia era tamén ir, noutras ocasións, as festas e acontecementos relixiosos: «O Portal», «O Lázaro».

O autobús do «Sen Xeito», tiña a carrocería feita co taboas de madeira recortadas e calvadas con puntas -caberían unhas dez persoas-, con dous buratos que facían de ventás. Tiña un motor «a vapor» como os dos trens, había que quentar a caldeira que ía na parte traseira, polo que levaba leña dabondo. Rematou nun «coleccionista», que llo trocou por outro máis moderno, outro ofreceulle dous, e quedou rabechando o non conseguilo.

O sobrenome que lle daban de «Sen Xeito» e «Nunca Chega», era debido a que nunca cumpría cos horarios, quedaba de chegar as dez a Ribadavia e chegaba a veces as dúas da tarde, para desesperación dos viaxeiros. As razóns eran moitos: nas mañás frías había que poñer un braseiro con lume debaixo do coche, a altura do depósito de aceite, para que este se quentase, e así poder acender o motor, logo había que meter dito braseiro no interior, pois portas e ventás cerraban mal e furaban frío dabondo. Pero tamén por ter avarías, polas paradas que fosen necesaria, collendo a todo cliente pola carretera. Contan o caso de que o «Sen Xeito», viu un home camiñando pola carretera, e dende a cabina berroulle:

-Fulano de tal, sube que te levo. O outro contestoulle

-Non subo non, que hoxe levo presa, e quero chegar a casa.

O fulano, subiu a costa a presa e alí púxose a parolar con un veciño, o pasar o «Sen Xeito», berroulle:

– Ves, ves coma cheguei antes ca ti.

Para rematar poremos esta crónica do ano 1981:

Puga Alonso, José  en su libro «Historias de Ribadavia contadas por un vendedor de zapatos, que escribía noticias», no artigo publicado no xornal «La Región» de Ourense, febreiro de 1981, lemos:

«La  guagua del tío Nicasio… Los «Atravesados» pretenden comenzar el Carnaval el próximo domingo de «Corredoira» reviviendo así ancestrales costumbres locales perdidas desde 1937. La guagua en la que podrán participar todos los que lo desen, será un ómnibus de pasajeros con sus tres clases debidamente separadas, como correspondía a los años cincuenta, cuando prestaba sus servicios y con matrícula OR-1698. La vieja reliquia es un Dodge Broters que cubrió el polvoriento camino de Cartelle a Ribadavia durante muchos años y fue, y es, propiedad de la conocida familia Hijos de Nicasio Díaz, llamados «Los Sinxeito».

O BAR DO POBO DE PUGA.

O ROUCO

Quen vamos a tomar como modelo, exemplo e espello de como eran os numerosos, humildes e pequenos transportistas de viaxeiros, é o Rouco, que facía a liña dende os lindes do concello de Cartelle, na parroquia de Macendo ata a cidade de Ourense..

Outro dos medios de transporte que tiñan os veciños eran ás barcas -como xa se dixo-. As que utilizaban os veciños do Concello de Castrelo eran as de Puga, Astaríz, Prado -disputada históricamente polos monxes de Oseira-, e a da Frieira, nas que pasaban dunha veira a outra do Miño persoas, arrieiros cas cabalerías, moitos animales, carros de bois… A lembranza do Rouco venme dende cando estiven destinado -por cuestións de traballo-, no pobo de Puga, a volta tiña que coller o tren en Barbantes xa de noite, para vir a Ourense, despois de pasar o río en barca -a histórica barca de Barbantes-. Nas horas baleiras, metíame na taberna do Tinque, que estaba e está a veira da estrada. O Tinque desaparecía e volvía de alí a pouco, con peixiños collidos no Río -o tempo non existía o encoro de Castrelo-, pasaban a cociña, fritidos,quentiños e ben cubertos de pemento picante,servidos en mesas de madeira, tiraban do viño branco da sús colleita, que servía en xerro e cuncas de louza. Todo esto ven a conto, xa que dende dita taberna -as terras estaban laboradas e non como hoxe cubertas de piñeiros-, eu vía como subía pola costa de Astaríz a Macendo, o autobús do Rouco, tan a modiño, con tantas paradas, que parecía que non ía a chegar nunca…. pero chegaba.

LUGAR DE SAÍDA DAS BARCAS EN PUGA

Os veciños de Castrelo de Miño, e en especial os da parroquia  de Macendo, foron esparexendo pouco a pouco as viaxes  entre Ribadavia e Ourense. Para vir a Capital cando non había o Rouco e inda habendo este, a viaxe a  facíano a pé por dúas vías: unha pasando por camiños ruíns ,por montes de carqueixa, pobos con tellados de palla: porto de San Pedro, Ramiras, e as terras de Toén -onde eran mal recibidos-, de ahí o dito: 

«Trelle, Trellerma, Xestosa e Mugares, que o demo leve eses catro lugares».

Outra vía era baixando ata a estrada de Cortegada a Ourense, que seguía e sigue corveando a veira esquerda do Miño, pasando  polos pobos de Astaríz, Troncoso, Puga, Alongos, Reza e Ourense, de veciños que vivían da agricultura e da pesca. Lugares en que os veciños de Castrelo camiñaban, con medo, entre viñas, bosques, néboas, ca carretera  soía e escura. O pasar polo Pozo Maimón -preto de Ourense-, dicían que se atopaban con animales grandes e desconecidos que choutaban no Río e  aparecialle a ánima dun bispo, que habían botado o Río, morrendo afogado. O caso é, que esto último foi certo e está históricamente demostrado.

O ROUCO, do que non sabemos máis que o apelido, traballou como transportista, polos anos 50-60 do século pasado. De idade entre cuarenta e cincuenta anos, era pequeno e rexo, tirando a groso, de falar bravo e a veces mal encarado. Uns contan que era das Eixadas -no concello de Cartelle-, outros que da provincia de Lugo e que a muller era de Cartelle.

MAPA DE CASTRELO DE MIÑO, A ESQUERDA OS POBOS QUE RECORRE «O ROUCO»

O humilde autobús do ROUCO, comezaba a viaxe pola mañá cedo -sobre as sete-, dende a parroquia de Macendo ata a cidade de Ourense, saíndo dende a tenda no pobo da Bouza -cerca do concello de Cartelle-, e rematando no bar Pancho situado a rúa de Xesús Soria, o cal valíalle como administración, e tamén a tivo no bar Lugo -logo Lobeira-, situados no barrio do Couto. Pola tarde facía a viaxe de volta -non había máis-, saíndo de ditos bares `para tornar a Bouza. A distancia do recorrido era máis ou menos de 30 quilómetros, a duración podía ser, sobre todo a volta de tres horas, e moitas veces máis. A estrada de Ourense ata o cruce no pobo de Astaríz tiña piso de terra e coio, pero de alí a Bouza era máis ben un camiño, con moitas curvas, que no mal tempo estaba xeado e cheo de charcos. Esta estrada -fora un camiño de carros-, feita facía pouco tempo debido o empeño, traballo desinteresado e cesión de balde de terras polos veciños  de Freás, Macendo e outros lugares. Por estes lugares víase o entonces mestre D. Eulogio «O Franqueira» na compaña dunha moto vella, o que axudaban os veciños nas moitas avarías que tiña, mentres barullaba na súa  teima de «redención dos homes e das terras do Ribeiro».

O ROUCO ENRIBA DO MOTOR DO SEU AUTOBÚS. ESTE E O NOVO, QUE USOU POUCO TEMPO,OS ÚLTIMOS ANOS, EN QUE PERDOU A CONCESIÓN.  DO QUE FALAMOS E DO QUE TIVO ANTES.

O AUTOBÚS DO ROUCO.

Era un coche con motor de gasolina dos chamados mixtos, por levar unha parte para transporte de viaxeiros, e outra para transporte de animais. Os viaxeiros, cabían pouco máis de unha ducia, sentábanse en bancos de madeira, que non eran fixos, movéndose dun lado para outro, así ían uns fronte os outros, xuntando as pernas, petando as dos viaxeiros dos lados e as dos de enfronte, cando ía o cura -que escarranchaba as pernas- había que deixarlle o sitio como si fora para dous. Cando non chegaba este lugar para os viaxeiros, habilitábase a parte traseira adicada os animais, indo de pé e amoreados. Para aumentar o rebumbio, os pasaxeiros levaban e traían consigo paquetes e un montón de cousas: garrafóns, sacos de patacas, ovos, galiñas o polos vivos, ferramentas… mesturado boa parte con eles. Por ultimo inda queda outro lugar de que falar, o teito por afora,- estaba rodeado por unha varanda baixa-, o cal se subía por unha escaleira fixa situada na traseira do coche. Neste lugar sentados no chan, entre bultos e paquetes,podían viaxar -como no interior- unha ducia de persoas, era lugar perigoso por estar exposto o tempo, os movementos do coche, e polo moito arboredo que había nas veiras das estradas. Así e todo, o autobús, non chegaba a ser pouco máis grande que unha furgoneta.

O ROUCO era moi popular, os seus feitos e ditos andaban den boca en boca e inda andan hoxe. Cando alguén non tiña diñeiro para pagar a viaxe -eran tempos moi duros, cando a «pedra» arruinou durante anos a colleita das uvas-, el deixábao subir o coche e «Xa pagaría cando poidese»… se chegaba a pagar algún día,- a viaxe valía sete pesetas-. En certa ocasión, co coche cheo de xente, parouse e debido a unhas das moitas avarías, baixou da cabina, ergueu a tapa do motor, de seguido deu con ela, descalzou un zapato, sacou o calcetín do pé, con este envolveu a peza avariada, e continuou a viaxe, noutra ocasión tiña problemas co aceite, botoulle unha copa de licor café e quedaou arranxado. As moitas paradas que facía -eran no medio da estrada, pois case non pasaban coches-, e as moitas horas que pasaba en Ourense -entre a ida e a volta-, aprobeitabaas para levar os paquetes polas casas da cidade, e para «empipar» viño, cafés e copas dabondo, de maneira que estaba case sempre acompañado dunha borracheira, houbo ocasións, en que os viaxeiros, agarrábanno cada cada un por un brazo, tiveron que subilo a cabina e sentalo na mesma.

Paraba na entrada das curvas e lugares perigosos. Aparcaba no medio da estrada, entón había pouco tráfico. Cando tiña intención de parar, xa que os freos non eran seguros, berraba dende a cabina:

-Poñerlle as calzas.

Entón os homes, que ían na traseira do coche, baixaban a buscar pedras para colocalas tras das rodas traseiras. Logo, cando ía a arrancar, volvía a berrar:

-Empuxar.

Os homes, empuxaban pola traseira e púñase en marcha, volvendo a subir, pois a marcha era tan lenta, que daba tempo de abondo. Os rapaces que xogaban na estrada, o ver o autobús, enganchábanse, sobre a marcha, na escada traseira. O Rouco cabreábase, e con unha correa longa, tentaba dende a cabina, lanzala cara a eles con pouco resultado.

O Rouco tamén atendía en ocasións feiras e festas. Ía a feira de Cartelle, e no pobo da Bouza paraba para cobrar ó billete. Oas mozos que ían atrás no coche saltaban fora e escondíanse detrás dos piñeiros. Dicía:

Eu coido, que aquí viña moita xente, que é dela

Os mozos o arrancar, volvían a subir. Un día, foron desde Cartelle a festa a Outomuro -as festas case só ían os mozos-. A volta o Rouco no aparecía, xa pasadas horas diron con el, durmindo no  banco traseiro dunha taberna. A carretera de antes era moin estreita e tiña moitas curvas, que ía collendo como podía. Tiña unha trompeta, que facía as veces de bocina, para que soase tiraba dun cordel que tiña enganchado. A dita bocina estropeouse, e non parou de tocar por todo o recorrido -xa eran altas horas da noite-, despetando e espantado, a tódolos veciños dos pobos por onde se pasaba

 Outro día vindo de volta dunha festa,-nunca o viran tan borracho-, o chegar a entrada dunha curva costa a baixo, moi perigosa, parou o coche,  -os mozos tiveron que meter o freo de man-, berrou.

-O que teña medo que baixe.

Baixou a mitade da xente, o pasar a curva volveu a parar, subiron todos e continuou a viaxe. Ía sempre moi a modiño, paraba nas curvas para ver si había perigo, e se viñan coches afronte tamén paraba, para que poidesen pasar. Cando collía unha boa borracheira, dicía que vía tres carreteras, e entón preguntábanlle por cal collía, el sempre contestaba:

-Eu sempre collo pola do medio

E debía ter razón, pois que se saiba, nunca tivo un accidente.

PONTE DE BARXELAS.

O Rouco vivía no pobo das Eixadas (Cartelle), como a saída e chegada do autobús era dende a Bouza, tiña que marchar alá nunha vella bicicleta. O tempo non había carretera, e ía e viña de noite entre po, choivas e xeadas, polo que a veces durmía nun palleiro. A bicicleta quedaba atada con un candeado entre a ida e a volta da  viaxe, máis os rapaces dábanlle un  golpe con unha pedra e este saltaba. Os rapaces do pobo da Bouza aprenderon a andar en bicicleta a conta do Rouco.

AS VIAXES COS SEUS ACONTECEMENTOS.

O saír pola mañá cedo, diante da tenda do pobo da Bouza, xa comezaban os problemas. O acendido do motor facíase turrando dunha corda -como se facía cos tratores-, xa que non dispuña de batería. No inverno para acender, había que quentar o aceite do motor, e facía como o «sen xeito», poñendo un braseiro de leña debaixo do coche, logo para o manexo tiña unhas pancas, polo que para chegar hata Astariz tiñan que axudalo. A volta da viaxe de Astaríz a Macendo, había que parar as veces que fose necesario, pois a auga do motor fervía polo vello que era, e pola sobrecarga de peso. Os últimos quilómetros na carretera de Macendo, eran así.

POBO DE SAN PEDRO, DE ORIXE CASTREXO.

Na entrada o pobo de Astaríz, para ir a parroquia de Macendo -como xa dixemos-, a esquerda hai que coller unha estrada bastante empinada e chea de curvas.Comezan os grandes sufrimentos do motor do autobús: primeiro o pobo de Freás, onde había que poñer postes no chan pola moita lama que había, logo a pechada e empinada costa da Abeleira, logo a Cancela, ven unha pequena baixada para toparse ca perigosa curva na entrada da estreita ponte de Barxelas, nova parada antes de atravesala, volta a subir cara Souto, pero o chegar a pobo de San Pedro, parada obrigada diante da tenda, o motor bota fume e a auga ferve, hai que arrefriar o motor, e como necesita tempo, o Rouco  polo contrario, necesita quentar o seu «motor»

-Ponme doas tazas de vino, unha por min e outra polo coche.

 Pasamos logo a curva de Covelas, xeada en inverno, os viaxeiros teñen que baixar e empurrar para que o autobús non se bote fora da estrada. Despois de cinco eternos quilómetros chegamos a Alto do Couso, onde está esperando «O Villar» no bar «Cuatrovientos». De aquí para adiante a viaxe es máis levadeira: Meizo, Fondo de Vila – no Paraño hai que cruzar un pequeno regato, o coche queda embarrado, e hai que empuxalo-, Casardeita, A Ermida e por fin a tenda da Bouza.

A TENDA-BAR «CUATROVIENTOS»

O FINAL

O autobús vello e asmático rematou a vida despedazado polo Adán o ferreiro de Macendo, que tiña o taller no campo do Canadeiro, onde se celebran no mes de agosto as grandes festas da Parroquia. Tamén por este tempo, un camión dos viñateiros, que acababa de cargar viño no pobo de Albín, o meter marcha atrás falláronlle os freos e chimpou parte da  parede na capela do San Antonio. E mentras se arranxaba e non, as portas e ventás do autobús, foron aproveitadas para tapala. Por estas razóns o autobús morreu como festeiro e como devoto do Santo de Albín.

A estrada foi mellorando co paso dos anos, a empresa AMPIAN, que tiña a concesión da liña, reclamou os seus dereitos. O Rouco, que había mercado outro coche tamén de segunda man, tivo que deixala. Din que pasou o resto da súa vida polas terras de Cartelle, tamen din que bebendo moito menos, non se sabe si por enfermidade ou por tristura. E así acaba a historia. Ben merece  dedicarlle, unha canción que se cantaba naqueles tempos, que tamén pode valer de responso:

Pobrecitos los borrachos,

que están en el camposanto,

que Dios les tenga en la Gloria, 

por haber bebido tanto.

LUIS DE ALBIN.


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

55 − 54 =