XENTE DE PRESTIXIO NA PARROQUIA DE MACENDO

XENTE DE PRESTIXIO DA PARROQUIA DE MACENDO

Trato neste artigo de escribir
sobre varios persoeiros que viviron na Parroquia de Macendo, deixando unha boa
lembranza da súa vida e obra, uns traballando en distintos oficios, e outros
exercendo distintos modos de vida. Tratarei de entrar na súa humanidade, e
tamén achegarme, dentro do posible, de como 
era  a vida dos veciños da
Parroquia naqueles tempos.


Xa lle prestei atención con
anterioridade a tres: “Os arrieiros de S. Pedro de Macendo, “O cura de Macendo,
D. Xosé “O Escaleira”, e “O Rouco”, o transportista. Agora, tratados con maior
e menor brevidade, van outros:  “O
barbeiro da Bouza”, “A condesa ou conda”, “Xosé Mª, o mestre da vitrola”, “A
taberna do Mariano” e o “Tío Caballero”, e Dina a “Pernea” e “O panadeiro milagreiro” .
Para “O Coronel”, debemos darlle o tratamento que se merece, esperamos facelo o
máis cedo posible.


Despois de facer un comentario,
nalgúns casos, copio o texto tal como  contáronmo.
Débolle esta información, en boa parte, o Cesáreo de Covelas e o Manolo da
Bouza.


O BARBEIRO DA BOUZA.


Non había na Parroquia barbeiros
de oficio, ou “perruqueiros” como se entende hoxe. Había labregos que facían
este oficio certos días, en Covelas, no Couso, na Bouza… que facían o corte de
pelo e o afeitado, na bodega, nun chavolo ou noutro lugar… a barbería era
sempre un lugar de moita parola… e como case sempre o barbeiro traballaba neste
oficio de noite e ca luz dun candil, era lugar de bromas e ata disputas.  As ferramentas daqueles barbeiras eran poucas:
brocha, xabón e navalla para afeitar –ca correa de asentar- e tesoira e peine
para cortar o pelo. Algúns dispuñan tamén dunha maquiniña manual para axudar ó
corte do pelo. Tamén habilitaba unha cadeira ou un banco para sentarse.


“Na Bouza había un barbeiro, que afeitaba con navalla a barba e tamén o arranxo
do pescozo ó que ía  cortar o pelo. Para
asentar a navalla tiña agarrado un cinto por unha esquina a parede ou a unha mesa
e por outro lado solto. Con unha mao collía o poñelo teso e ca outra asentaba a
navalla.


Cando cortaba o pelo e non tiña auga para mollar o pescozo ou as patillas,
metía os dedos na boca e co cuspe que sacaba mollaba as partes que tiña que
afeitar.


Como ían de noite a cortar o pelo gastábanse bromas, unha delas era que se
disfrazaban de mortos, ou de ánimas, penso que houbo paus e algún morto”.



A CONDA, MADRIÑA DE TÓDOLOS NENOS


Da Conda, falta
moito por saber, que intentarei conseguir co tempo.


Algúns din que
tiña un título nobiliario, que viñera da zona de Cartelle e que pasou a vivir ó
pobo de Covelas, e foi a madriña de moitos nenos da Parroquia.


“Parece que era unha muller moi rica,
que vivía na casa do Luis “O Carrizo”, no pobo de Covelas, logo casouse con un
veciño de S. Pedro que era tamén moi rico, e pasou a vivir en S. Pedro. Deste
matrimonio tivo unha filla, esta filla casou no pobo do Olivar, pero un día
pasou por alí traballando un serranchín de piñeiros, e escapou con el unha
temporada. A volta o pai cortoulle o pelo ó cero. De isto hai unha canción.


O quedar viúvo o rico de S. Pedro, casou
con unha afillada que era moito máis nova que el, da que tivo 7 ou 8 fillos, e
parou aquí, porque os trinta e tantos anos veulle á muller a regra.


A Conda foi madriña de tódolos nenos de
Macendo, parte do Concello de Cartelle, Astaríz e outros sitios. Din porque lle
regalaba a todos un polo ou galiña. Polo seu santo as persoas das que fora
madriña facíanlle un regalo, un cabrito ou outras cosas… facían cola pola
camiño cara Covelas”.  



XOSÉ MARIA, O MESTRE DA
“VITROLA”.


Xosé María foi
un mestre din que castelán, que de xubilado foi a vivir o pobo de Pousada. Era
moi coñecido porque acudía as festas e as vodas ca “vitrola”, e foi director
dun coro que se formara en Meizo. Dispoñía deste aparello musical, un
tocadiscos daqueles tempos, que traballaba despois de darlle corda con unha
manivela.

ASÍ DEBÍA DE SER A VITROLA DO XOSÉ Mª (fotografía de google).

“Din que era castelán, e que veu de
maior a vivir a Pousada, non se sabe de onde era maestro. Casou de maior ca
Saladina que viñera de Bos Aires. Ela Era moi presumida e entraba moi rumbosa
para igrexa adiante. A Saladina nos últimos anos da súa vida púxose tola.


O Xosé María, ademais de dirixir o coro
de Meizo, tiña un tocadiscos de corda, que os veciños chamaban “vitrola”, e que
el poñía na casa tódolos días, e que escoitaban os veciños o pasar, como aquela
canción que dicía:


“Hay D. Manuel trabalou, trabalou,


O meu corazón está alá”


Tiña discos en galego. Levaba a vitrola
as festas e tamén as vodas, pois estas celebrábanse nas casas, onde se comían
moitos e variados pratos, dentro do que cabe. O final poñía os discos e
bailaban tódolos invitados.”



MARIANO, O TABERNEIRO FESTEIRO


Naqueles anos na parroquia de
Macendo vivían moitos veciños, e entre os veciños había que contar moitos mozos
e mozas. Pola semana e sobre todo os domingos e festivos esta xente necesitaba
pasalo ben, e un sitio onde facelo era no Taloxo do Mariano en Meizo.
Montábanse bailes en Freás -onde había moitos músicos-, en Vide… máis de todos
o mellor era o do Mariano, contrataba músicos e titiriteiros, que tiñan a
actuación nunhas táboas que facían de escenario, alá no fondo do local.

MARIANO O TABERNEIRO, COS SEUS BIGOTES (fotografía de «Castrelo vivo).


“En Meizo había unha taloxa, o dono era o Mariano, que montaba a música e
vendía bebidas na mesma. Os mozos ían alí polas tardes para bailar, pasear e
meterse cas mozas. O bar do Mariano tiña o piso de terra.


O Mariano contrataba a un gaiteiro. As máis veces ía o Manolo de Señorín, ó
que lle acompañaba o “Chato” de S. Pedro que tocaba a caixa, e o Felix de
Señorín que tocaba o bombo. Outras veces contrataba o Antonio Raña de
Fondevila, tocando a caixa ía o seu irmán Pepe e o bombo un da Ermida. Tamén o
Benito (irmán do Pepe “Bota”) e o Antonio de S. Pedro. Outro gaiteiro era o
Fidel da Ermida, que era o mellor de todos. Famosa bailadora de muiñeiras era a
Blasinda da Bouza, era solteira e dedicábase entre outras cousas a comprar ovos
para logo vender en Ourense. Tamén se tocaba o acordeón.


O Bar do Mariano era un bar espectáculo. O Mariano tiña un bo bigote e tiña
unha cafeteira moi antiga, con un ha maneira de funcionar distinta das nosas,
que subía e baixaba unha panca. Era un local grande e no fondo tiña un taboado
onde se facían espectáculos, e viñan compañías de teatro da fora que actuaban
alí. Alí viñan a ver o espectáculo xente de Toén, de Prado e de outros moitos
sitios. Tamén tiña servicio de correos e estanco.


O dono do taloxo de Meizo, o Mariano, tamén contrataba os titiriteiros para
atraer os clientes, así como pagaba o Mariano, non pasaban a gorra. Viñan nun
carromato tirado por unha mula. Eran un home, a súa muller e dúas fillas
pequenas, facíano bastante ben. Saía unha fulana a bailar cantando:


Mi suegra es tan infernal,


 Como las garras de un león


 Me llama siempre con ira, 


 Pericón, pericón, pericón.


O Mariano tamén se dedicaba a levar o taloxo polas festas.



O TIO CABALLERO, INVENTOR DA BURRO-SULFATADORA.


O viño foi sempre compañeiro a
hora da comida e tamén acompañaba nas festas e outros momentos de pracer. Como
a cepa so produce bo e abundante viño nas Ribeiras, os veciños da “montaña”
estaban faltos deste líquido que axudaba a soster o duro traballo do campo. Boa
parte dos veciños da “montaña” buscaron solucionar ó problema tendo e mantendo
viñas nos pobos de Macendo, Prado, A Cuqueira.. como xa fixeran os monxes do
Mosteiro de Oseira tendo un centro de produción en torno ó Priorado de Prado –
sobre este asunto, ver o  artigo sobre “A
Cuqueira”-.


Unha mañá – fai anos-, estando eu
en persoa, mirando desde o balcón da casa, en Albín-  ó tempo que facía, divisei alá pola
Corredoira un home xa entrado en anos, que viña todo teso subido a unha
cabalería. Ó  entrar no pobo unha muller
que se atopaba no camiño, recoñeceuno de súpeto e empezou a berrar:


-O tío Caballero, o tío
Caballero, esta aquí o Tío Caballero, vinde a velo.


De pronto empezaron a saír homes
e sobre todo mulleres, para ver  e saudar
o home montado nun bo exemplar de burra. O Tío Caballero facía anos que non
viña por Albín, e os veciños e sobre todo as veciñas botábano moito de menos.

ASÍ DEBÍA DE SER A SULFATADORA DO VECIÑO DE VALDARÍZ (fotografía do Museo do viño de Verín)


“O tío Caballero era veciño do pobo de Valdariz en terras de Cartelle,  como outros veciños da “Montaña” tiña algunhas
terras na Parroquia de Macendo, co fin de coller viño para uso propio, xa que
alí apenas se da. O Tío Caballero era un deles pero con certas
particularidades, pois viña sempre montado en cabalo ou burra. Din que pasou de
cen anos, que tivo varias mulleres, algúns falan de tres, outros de ata sete. O
tío Caballero tiña e inda queda en Albín, unha casa pequena formada por unha
bodega e enriba unha habitación ou dúas, onde durmían e comían os días que viña
a sulfatar, a vendima e outras labores das viñas. A casa está situada detrás da
casa da Celia “A Potra”.


Para dar o sulfato colocaba a máquina as costas e subido a burra ía por
entre as gabias esparexendo o mesmo polas cepas. O problema era que necesitaba
dunha persoa que lle botasen o sulfato na máquina, máis como estaba moi alta
facíase difícil, e cabreábase pois parte do 
sulfato ía polas costas abaixo.


Fai uns dez anos , viñeron os seus netos a Albín para saber onde estaban as
viñas da súa propiedade, pois viñeran algunha vez a axudalo, difícil de dar con
elas xa que levaban anos abandonadas.


Falta por dicir que lle chamaban o “Tío Caballero” xa que como se arrepiaba
andar a pe,  andaba sempre subido a
cabalo.”



DINA “A PERNEA”, QUE ESTARÁS NO CEO


Dina era veciña da Bouza, vivía
nunha casa situada no fondo da Aldea, a veira de onde hai unha pista que ía
cara o que foi campo de fútbol. Andaba en tódolos contos dos veciños, e non
había día en que non se contase algunha nova dela. E algunhas destas historias
da súa vida ídelas a saber se tedes a paciencia de ler o que ven de aquí para  adiante.

BODEGAS NA CUQUEIRA HOXE (fotografía do arquivo personal)

Na Cuqueira onde se facía o
mellor Ribeiro do mundo mundial, tiña Dina unhas pequenas viñas e unha pequena
bodega, das moitas que por alí hai. E como as viñas hai que procuralas, alá ía
dende a Bouza tódolos días que podía. O que pasaba era que co traballo viña a
sede, e para apagar esta sede ¡ que mellor que o viño da cuba que gardaba na
bodega¡. E así cada pouco facía dúas trasfegas seguidas: unha cuba a xerra e
outra da xerra o estómago. Remataba subindo do estómago a testa, a pesares de
que a vez que bebía, ía repetindo:


Criado na cepa torta


Non te subas a testa


Quédate aquí na gorxa


 Esta
era a causa de que á tardiña, cando volvía a Bouza camiño da casa, ía dando
tombos para os lados, como o camiño tiña moitas curvas, se a curva era cara a
dereita, o tombo era a dereita, se a curva era a esquerda o tombo era a
esquerda, e así ía disimulando. Non hai dúbida que aqueles malos camiños tiñan
as súas vantaxes. Mais os rapaces, que se metían con ela sempre que podían,
dábanse conta que a aquelas horas eran as mellores para fácelo, e ela coa fouce
na man corría tras deles. Carreiras en balde pois nunca os daba pillado, xa que
os rapaces teñen as pernas moi lixeiras.


Noutra ocasión os mozos da Bouza,
sabían que a Dina fixera a mata do porco, polo que os chourizos debían estar ó
lume do fumeiro, e alá foron saber si era certo. Un deles subiu ata a ventá da
cociña, quitou os pequenos cravos que suxeitaban un dos cristais , soltou un
deles, e metendo a man, chegou ata o pasador, abriu a ventá e por ela entrou.
Primeiro tropezou cun queipo cheo de ovos, e logo pasou o fumeiro atravesando
unha porta sen chave. O demais foi sinxelo pasar chourizos os amigos que
esperaban embaixo. Logo foron a unha cociña, fixeron unhas grandes tortillas de
ovos e chourizos, e déronse a gran fartura, aínda que algúns no na tiñan todas
consigo, pois parecíalle que aquelo fora demasiado.


Pasando a outro caso, Dina tiña
na parte traseira da casa un patio, onde había un canastro, e o lado deste unha
cerdeira que daba unhas cereixas pequenas e ruíns. Os rapaces que son fillos do
demo, tiñan por costume ir a roubar a froita, aínda que non madurase alí onde
se atopase, e decidiron ir a roubarlle as cereixas a Dina, máis por amolala que
polo que valían, e  aproveitaron as horas
da sesta. A,  Dina que xa sabía que non
as comían os paxaros, metíase escondida dentro do canastro cun estadullo, para
coller os rapaces de súpeto e mallarlles as costelas, pero os rapaces que xa o sabían
atrancábanlle a porta do canastro, e mentres saía e non saía, roubábanlle as
cereixas e burlábase dela.


A noite de San Xoán era costume,
que os mozos entrasen nos patios e nas cortes cando os veciños estaban durmindo,
e sacasen os carros e  portas e os
levasen ata as fontes ou a outros lugares fora da aldea, e alí os deixasen ata
que a mañá os donos se desen conta de que faltaban, e tivesen que andar
buscándoos. Así as bromas duraban día e noite.


A Dina fora o día antes a
recoller o estrume e deixara o carro cheo no patio, para baleiralo o día
seguinte. Máis, como xa sabemos, ela víaas vir e decidiu, despois de cear,
montar enriba do carro armada cunha fouce, e pasar alí a noite para que non llo
levasen.


Máis os mozos trataron con tempo
os “traballos” que ían facer aquela noite de San Xoán, e entre eles estaba
levar o carro da “Pernea”. Moito tardou en entrar en sono, pero moi pasada a
noite, comezaron a oírse os seus ronquidos ¡Chegara o momento desexado!. Entón
entraron no patio, foron sacando moi a moidiño o carro, pasaron o camiño e
fórono baixando pola costa que está cerca da casa, pero neste momento ¡Esperta
a Dina!, e empeza a saltar e berrar enriba do carro coa fouce na man.


Os mozos ó vela así tan
alporizada, non tiveron outra ocorrencia que soltar o carro, e este marchou a
carreira pola costa abaixo, ata parar no fondo onde envorcou, quedando así por
baixo a fouce, logo a “Pernea”, máis enriba os toxos arnaces e tapando todo o
carro. Aconteceu o milagre, pois para o outro día andaba pola Bouza tan
campante. O susto que levaron os mozos durou uns cantos días no corpo.


Estas trasnadas e outras que
quedan por contar, era a causa de que a Dina tiña moi mal xenio, e de que os
veciños no na consideraban moito. Ademais era un perigo, pois levaba sempre nas
mans unha fouce ou un pau, que logo meneaba cara calquera cando se poñía
furiosa, que era moitas veces.


Polo que me contaron, a Dina “A
Pernea” ninguén a comprendía, ela non era lianta só se defendía. Polas moitas
calamidades que pasou neste mundo, ten ben merecido o ceo e de seguro que
estará nel. É máis, como fan con outros santos, debería ser nomeada pola
igrexa, avogada das sufridas e dos sufridos, que tamén os hai.   

LUIS  DE 
ALBIN.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

− 3 = 6