ambulantes e moinantes na parroquia de Macendo
AMBULANTES E MOINANTES NA PARROQUIA DE MACENDO.
A intención deste artigo é
comentar sobre a xente de oficio, que viñan de fora da Parroquia, e tamén
algunha xente de aquí, que tiñan todos eles a condición de que cubrían certas
necesidades das que non dispuña a
veciñanza, e tamén que se desprazaban
dun pobos a outros, xa ó longo de todo o ano ou por temporadas. É seguro que non estarán todas, pero a miña
intención é esa.
Tentei seguir a orde alfabética,
co fin de non dar maior importancia de uns sobre outros.
Nalgúns artigos fago cita “O
Canadeiro”, revista cultural, Macendo 2005, a onde o lector terá que ir a ela,
para informarse de certos oficios –que eu aquí non copio-,moi completos. Os
autores son: Antonio Villamarín, Deli Rodríguez, Luis Alvarez e Luis López.
AFIADORES E PARAGÜEIROS.
“Tente, ata que pase o tarangaleiro para que a arranxe”, dicíase
cando había algunha peza avariada ou rota.
Viñan desde Astaríz subindo, facendo
parada pola costa cando ían chegando os clientes e clientas, levando por diante
á roda, tocando o chifre e berrando “afiador e paraugueiro afíanse coitelos,
navallas… arranxasen paraugas, potas…”
O afiado facíase nunha pedra circular que xiraba por un
mecanismo cá forza do pé, botando moitas chispas, ó paraugas furados ou rotos
facíalle un remendo que non sempre era a tela da mesma cor do paraugas. Noutros
traballos competía no traballo co “poteiro”, home que levaba o lombo as
ferramentas e un pau-ferro, que cravaba no chan para pousar enriba ás pezas,
tal era o caso das xerras e cuncas que xuntaba ás partes rotas amarrándoas con
grampas de ferro e ás potas furadas que lle poñía dúas chapas, unha por fora e
outra por dentro, amarradas con roscas.
Así esta xente que viña de Melias
e outros lugares, arranxaban estas cousas da casa, para que seguisen valendo ó
menos por algún tempo.
ARRIEROS.
Co título de “Unha familia de
arrieiros, os “Ferreiro” de San Pedro de Macendo”, está publicado un amplo
artigo sobre a vida e obra de as xentes deste oficio. Tamén os houbo, na
Parroquia, nos pobos de Souto e de Ramiras.
Revista Cultural “O Canadeiro”.
Revista “Auria”, da Caixa de
Aforros de Ourense.
CARPINTEIROS
Metemos aquí ós carpinteiros
posto que anque tiñan taller na casa
pasaban boa parte do ano traballando polos pobos da parroquia. No pobo de Albín
estaban o Sr. Cesar e o Sr. Aladino, no pobo das Bouzas o Sr. Antonio Maneta,
entre outros.
Co título “O Carpinteiro” Deli
Rodríguez escribe un artigo moi
completo, acompañado de fotografías e debuxos á man, sobre un veciño do pobo
das Bouzas, que exerceu este oficio.
“O Canadeiro”, Revista cultural.
Macendo 2005.
TALLER DO CARPINTEIRO DAS BOUZAS (da revista «O Canadeiro»)
CHATARREIROS, BORRALLEIROS
Trataremos aquí da xente que
vivía da compra e case sempre do troco con materiais vellos e usados. Tamén dun
compoñente do centeo chamado cornecello, moi solicitado, xa que era utilizado
para facer medicinas.
As mais das veces viña un home
con un saco ó lombo, outras con unha burra, e algúns en carro equipados con
cousas novas de pouco valor, colgadas nos lados do carro facendo ruído . O
pasar polos pobos ían berrando “hai farrapos , cornecello, farrapos de lá…”
tamén berraban “camas vellas, cociñas vellas, ferros…, e sola de zapatos, alpargatas,
ferraduras, metais, trapos vellos, culleres, tenedores ….”
En Albín o chegar á aira,
comezaba o negocio colocando cuncas,
pratos e todo tipo de louza pequena para facer o troco e logo viña o regateo.
O mallar o centeo, no grao
quedaba unha cousa negra e longa do tamaño dun dedo, outras veces o cornecello
collíase no campo antes da sega. Outros
ambulantes tamén compraban o cornecello.
A borralla servía para abonar as
hortas e as herdades de centeo, para aclarar á roupa, botando esta nunha pota
fervendo cuberta con un pano de liño, tamén para facer meadas deste último. Dicían que a mellor borralla era a do pobo de
Vide. Comprábana os veciños nos pobos, tamén andaba algunha xente en burro comprando
a borralla.
O chatarreiro mais coñecido era o
Magalláns, un portugués que vivía nunha chabola no pobo da Cancela, dedicábase
á compra de ferros vellos. Traía un burro á que lle daba paus, pois non andaba
pola fame que pasaba. Na aira estendía cuncas e pezas de barro, para logo facer
trocos. Os rapaces andaban buscando unha ferradura ou un ferro vello par
venderllo por un can (10 ctmos. de peseta.
CHOCOLATEIROS
Sábese que había maquinaria
manual que permitía a fabricación de pezas de chocolate na casa. No sei si este
é o caso do Florindo de Vilela. Vou copiar o texto –coido que vale a pena- tal
como figura na Revista Cultural “O Canadeiro”, publicada no ano 2005, no artigo
escrito por Antonio Villamarín.
“ Podemos recordar eiquí a dúas persoas que eran coma dúas institucións na
parroquia: referímonos a Sra. Amanda, veciña da Ermida, onde tiña tenda, pero
os domingos e días de festa cargaba o seu burro e traía a tenda para a igrexa.
Outro persoaxe foi o Sr. Florindo, natural e veciño de Vilela. Era un vendedor
ambulante, gran conversador e mellor parrandeiro que se adicaba a venda de
chocolate. Igual que a señora Amanda aproveitaba os domingos e festas poñendo
un despacho xunto o pendello, e á saída da misa entre conto e parola, e parola
e conto vendía o seu chocolate…”
CONTRABANDISTAS
Nos anos de racionamento que
aconteceron ó rematar a Guerra Civil, para cubrir as necesidades medrou o
contrabando ca veciña nación portuguesa. Portando ás costas grandes macutos que
levaban peso de 20 ou 30 kg., ían e viñan a pe cruzando a fronteira, traían
sobre todo café, tabaco, azucrar…
De Macendo ía xente ata alá,
falase de algúns veciños de Ramiras. Pero dábase o caso de portuguesas e
portugueses que viñan traendo o contrabando a Macendo. A xente de aquí necesitaba
roupa, levaba boa parte da roupa cosida e chea de remendos. Viñan mulleres
cargadas con telas e outros obxectos de Portugal, que traían escondidas debaixo
da roupa, atadas con cintas ós ombros e a cintura, comían e durmían na casa dun
veciño, pola mañá marchaban a vendelas. Algunhas mozas de Macendo foron
invitadas por elas a pasar un días en Portugal e alá estiveron unha tempada.
COSTUREIRAS
Non sei si aquí na parroquia de
Macendo dábase o caso das costureiras –ca maquiniña de coser na cabeza-, que
ían de pobo en pobo e de casa en casa
traballando os días necesarios para facer ou arranxar as roupas necesarias.
O que si sabemos que ían as nenas
a “aprender a coser”, ás casas de boas modistas como eran a tía Rosa Cacheira e
outra da familia do Antero. Viñan de Casardeita, de Fondodevila e de outros
sitios. Din que camiñaban descalzas –ante parte da xente andaba cos pes espidos-
ata a entrada do pobo, poñendo logo unhas zapatillas, tamén levaban a comida
nunha pota que traían da casa.
OLEIROS
Os alfareiros, aquí chamados
“oleiros”, era unha industria tradicional ata fai como medio século, no pobo de
Ramiras. Posiblemente viña de moito antes, máis no Catastro de Ensenada – ano
1750- léese que neste pobo había unha importante industria alfareira, con mestres
e aprendices.
Co Título “Olas de barro en
Ramiras”, o veciño de alí Luis A. Rei, fai un estudio pormenorizado da vida e
do traballo dos “Oleiros”, publicado na citada Revista Cultural “O Canadeiro”.
OLA DE RAMIRAS (da revista «O Canadeiro»)
OVOS. COMPRA-VENDA
As galiñas foron sempre dos
animais que convivían cos veciños, xa no galiñeiro, no patio da casa e
tamén picando polos camiños. Os ovos foron sempre un alimento importante da
alimentación.
O rematar a Guerra, viñeron os
chamados “anos da fame”, e como tódolos alimentos os ovos tiveron moita
importancia, e algunha xente desde Ourense viña a comprarlle os ovos os
veciños. Tamén había veciñas –sobre todo do pobo de Ramiras- que compraban ovos
os veciños e ían a vendelos a Ourense a pé, levando grandes cestos na cabeza.
POBRES
Había moitos pobres, que os
veciños chamaban irmáns, pedindo polos pobos, pedían esmolas a vez que rezaban
en alto polas ánimas defuntos da casa, a xente paraba de comer e leváballe algo
da súa comida, traían unha lata grande de sardiñas valeira e alí a veces
botábanlla. Viñan mal axeitados, cheos de pulgas e piollos, durmían nas casas
pero maiormente en montes e camiños. O Concello tiña unha lista da xente
necesitada, á que axudaba nalgunhas ocasións. Outros non tiñan terras, andaban
o redor da xente cando plantaban ou
recollían, ofrecéndose para botarlle unha man, e sempre lle caía algo.
Tamén había xente que o que tiña non lle chegaba para vivir e roubaban de noite
nas hortas dos veciños, ou de outros sitios.
A caseta que está no adro da
igrexa parroquial, era o lugar utilizado polo médico forense para realizar a
autopsia os cadáveres dos que aparecían
mortos polos camiños, case todos pobres ambulantes. Era obrigatorio para os veciños recoller os cadáveres, levalos a caseta,
vixialos ata que chegase o forense e axudar a este. Era moi desagradable pois
abríanlle as entrañas. Os veciños do pobo de Albín facían este cometido, polo que estaban
escusados de pagar a cota de millo o sancristán.
O pobre Prudencio a maioría das
veces sentábase no último chanzo das escaleiras das casas esperando algo de
comer, debía de ser da Parroquia, durmía nos montes e camiños.
–
Queres
unha cunca de caldo e unha pouca de bica. El contestaba eee… eee… eee, sempre
ca cabeza agachada. De cando en vez levantaba as mans e pasábaas polo pescozo e
collía un piollo e chinchábao cas uñas.
–
Queres
un pouco de viño –contestaba moi baixiño e articulando mal- hai poucos que mo
dan.
O pobre “O
Armeiro”- durmía nas cociñas dos veciños. Morreu es os veciños do pobo da
Bouza, fixéronlle unha caixa e
enterrárono –cando xa se mercaban as caixas en Ribadavia- O enterrador
era o “Pantera” de Santomé. O pasar un ano levantaron a terra, O “Armeiro”
estaba completo, inda que reducido o esqueleto nunha parte.
No racionamento
que houbo despois de terminar a Guerra, os pobres dábanlle leite en polvo,
asucar e outros alimentos. Pobres que andaban pedindo eran tamén a Mª Benita,
que era a nai da Libia “A Mexa” e a tía Gumersinda, nai da Dosinda “A Gacha”. A
tía Gumersinda vivía de fiar a xente da fora, das ovellas que levaban ó monte.
Viñan algúns que
se poñían cantando –cantaban bastante ben- e a xente deixáballe algunhas cousas.
Dos asilos da
Rúa da Barreira e da rúa de Bos Aires viñan pedindo monxas con rapaces e
rapazas moitos deles da Parroquia que estaban alí ingresados. Axudaban a pedir
e recoller as esmolas en produtos e en diñeiro.
POTEIRO OU DESTILADOR
Este era o nome
con que se coñecían ós homes que estilaban o bagazo das uvas para facer
augardente, ca cal se podían facer outros dous licores: a augardente de herbas
e o licor café. Había destiladores que viñan da fora e pasaba tempadas nos
pobos facendo o seu oficio, tal era o caso de veciños de Sober na Ribeira
Sacra. Aquí na parroquia de Macendo eran veciños da mesma que ían de pobo
en pobo facendo augardente. Tal era a
familia do Rafael de Meizo e o Paulino das Bouzas.
Na revista
cultural “O Canadeiro” 2005, Deli Rodríguez, fai unha longa e interesante
entrevista o Sr. Paulino das Bouzas.
O POTEIRO DAS BOUZAS (Da revista «O Canadeiro).
ROSQUILLEIRAS E FROITEIRAS
Se alguén era
compañeiro de sempre nas festas, este era o rosquilleiro/a, a saída das misas e
no campo das festas campaban cas cestas e cando caía a noite cas lámpadas de carburo ou de aceite para
alumear, estaban sempre alí para endolzarnos a boca, o lado delas estaban
moitas veces as froiteiras, co seu cesta de variadas froitas. Estes oficios
eran moitas veces cousa de mulleres viúvas, que facendo as rosquillas na casa
axudaban a súa pobre economía, e logo ían cas cestas na cabeza percorrendo os
lugares onde se anunciaba unha festa. Para anunciar algunhas veces a chegada
botaban pequenos foguetes, de aí que cando os fogueteiros botan foguetes de
pouca potencia dicían “traen foguetes de rosquilleiros”.
Logo pasados
anos, virían os rosquilleiros vendendo rosquillas de Ribadavia ou de
Ponteareas. Hoxe en Macendo inda ven un señor maior vendendo rosquillas con
unha furgoneta, e no pobo das Bouzas, dende fai anos celebran a “Festa Da
Rosquilla”, con rosquillas feitas polos veciños para este día.
Poñamos por
último o que escribe Antonio Villamarín: “Non
podemos olvidar unha figura presente ano tras outro nas festas, é a
“rosquilleira” que co seu “tenderete” a costas ofrece as suas rosquillas e
melindres, tamén algún xoguete e
chucherías para os rapaces, os que temén proporcionan os “petardos” –pequenos foguetes- cos que fan
mil diabluras”
SARDIÑEIRAS
Eran as vendedoras de peixe
oficio case de mulleres, pasando de pobo
en pobo cas caixas de peixe na cabeza, que pousaban ofrecendo a mercancía,
composta case sempre de sardiñas e xurelos. A venda viña sendo ó comezo da
Coáresma, cando a igrexa prohibía comer carne. Como a xente nos dispuña de
diñeiro –como en outras ocasións- a veces facíase o troco: sardiñas por ovos,
por millo, patacas…
A vida da sardiñeira era moi dura,
tiñan que ir a recoller a pé o peixe
no tren de Barbantes ou Ribadavia, que viña en caixas de madeira cubertas de
fento, e logo ir tamén a pé, vendendo a miúdo polos pobos da parroquia, vendendo
pouco a pouco, pois como xa se dixo a xente non tiña cartos.
SEGADORES
Armados cunha fouce, os desdís,
unhas abarcas, un sombreiro de palla e un saco con unha pouca roupa,
acompañados dun rapaz que facía de atador, e que tamén se encargaba de irnos a
buscar a facenda o xantar e a cea….
Sobre a vida dos segadores de
Macendo xa hai neste blog un artigo.
SERRANCHINS
Parece que viñeron algún tempo
pola Parroquia. Era un oficio de portugueses que atravesaban a raía acompañados
de grandes serras – serrando as árbores,, collidas polas veiras por dúas persoas-,
machadas e outras ferramentas. Traballaban nos montes cortando arbores sobre todo
piñeiros para venda. Din que vivían nos montes onde comían e durmían.
Portugueses e portuguesas ata fai
poucos anos, viñan os traballos das vendimas, algúns estaban todo o ano.
TITIRITEIROS.
Uns vivían ambulantes como os
xitanos –había xitanos que facían tamén este oficio-, outros viñan dende
Ourense ou outros sitios onde vivían- . Viñan case sempre nun carromato tirado
por unha mula, traballaban ó aire libre ou en sitios cubertos, ou en tabernas
como a do Mariano no pobo de Meizo ou a do Villar no alto do Couso.
Facían de equilibristas, teatro,
cantantes, e xogos de maxia, chamando ós asistentes e meténdose con eles, como
defensa do que lle podía caer enriba. Ó final con un prato ían pasando e
pedindo a esmola. Naqueles tempos que non había televisión, nin cine e a radio
no na tiñan mais que os curas e uns poucos ricos, a chegada dos titiriteiros
era unha novidade que tódolos veciños esperaban con ansiedade.
TROCO
Boa parte dos veciños non dispuñan
de diñeiro que foron gastando o longo do ano polo que parte das compras facíase
a base do troco.
Os de Arnoia viñan en cabalarías
cargados de pementos que cambiaban por patacas, os veciños coidaban que aquí
non había pouco terreo apropiado para
procurar tomates e pementos. Os veciños de Macendo ían a facer o troco a
“Montaña”, entre outros cambiaban fabas por pan, sobre todo millo. Nalgunha ocasión as
mozas foron a traballar o liño a Xinzo e cobraron en especie.
XAMONEIROS.
Santa Rita de Dacón
Fai posible o imposible
Dos tratantes de xamóns
Ó levantar os xamóns do salgadoiro
aparecían polos pobos os xamoneiros, polo que se vendían moitas veces sen
curar. Viñan con dúas ou tres grandes cabalerías, das que penduraban xamóns cas
mazás cara abaixo, tapados con unha lona para protexelos. Traían consigo unha romana, unha espita feita de uz e
tamén unha gran navalla ben afiada.
A romana para pesar os xamóns, a
navalla para redondealos cortándolle as viras, a espita para furalos e
comprobar polo cheiro si estaban en boas condicións. Os tratantes de xamóns
tiñan mala fama, xa que se aproveitaban das miserias das xentes –vendían para
poder comprar aceite ou outras necesidades-, e porque trataban de enganar os
veciños, din algúns, que traían escondido no peto o chamizo ou espita cravado
nun pouco de carne podre (chamizo), como cravaban este nos xamóns, dicían que
estaban podres e comprábannos máis baratos.
O pobo de Dacón tiña sona de ter
a maioría de tratantes de xamóns, tamén dicían que só comían unha vez ó día.
Tamén mercaban lacóns, anque menos.
Cos xamóns vendidos ós xamoneiros
e os lacóns levados o San Antonio de Xaneiro, os veciños víanse privados dunha
boa parte do porco, que era unha necesidade.
XITANOS
Nos anos da fame había moitos
xitanos, viñan polos pobos e montaban o campamento –Na Bouza, no campo do
Canadeiro-, ían pedindo polas casas sobre todo cando había matas, pedindo o ano
dos porcos, a paxarela, e si había algún animal morto ou enterrado collíano e cocíano.
Algunhas veces viñan con un carromato, roubaban algo, tamén facían cestos con
xuncos que logo vendían. Despois de varios días marchaban, pois a xente xa non
lle daba.
ZAPATEIROS
“O cura de Vigo e xastre,
o
de Marín mariñeiro,
o
de Ourense afiador
o de Noia zapateiro.”
Había os zapateiros que
fabricaban e logo vendían zapatos e zocos novos polas feiras. O que se vai tratar aquí e dos zapateiros reméndoos,
que reparaban tódolos zapatos e zocos dos veciños. O mercar uns zapatos novos
era gran novidade, pensemos naquel dito “está máis contento que un rapaz con
zapatos novos”. Había zapateiros desde xeito en Albín, Covelas, Señorín…
labregos que dedicaban certos días e
horas a este menestrel.
Hai noticias de que os zapateiros da vila
mariñeira de Noia, viñan traballando como ambulantes por parte da provincia de
Ourense.
Os de Noia pasaban por Albín o
Señor Congo e o seu fillo, pedían un banco, e sentados na veira dun camiño,
traballaban arranxando zapatos e zocos ca ferramenta que traían con eles. Os
veciños andaban de chanza con eles dicíndolle:
“Zapateiro de Noia, barbas de gato, bótalle unha tomba a este zapato”
Logo pasados uns días marchaban a
traballar a outros lugares.
NOTA FINAL: Sería
moi boa idea, recoller todo o escrito polos veciños de Macendo e toda a
información oral, e escribir un LIBRO, como historia e lembranza da vida de da
obra dos nosos pais e abós.
A historia é a nai da vida, sen
ela voltearemos a cometer os mesmos erros.
¡¡¡ SI OS POLÍTICOS E GOBERNANTES
ESTUDIARAN A HISTORIA DOS POBOS, MOITOS ERROS NON COMETERÍAN!!!