O CASTRO DE SANTA LUCIA

O  CASTRO 
DE  SANTA  LUCÍA.

AREA DE EXCAVACIÓNS

CUMIO DE SANTA LUCIA

A tradición
popular fala do monte de Santa Lucía como lugar onde vivía unha muller de nome
Lucía, en plena soidade, contando para o sustento da caridade dos veciños nos
pobos circundantes – son chamados os Santos Eremitas, citados nos textos da
Idade Media- . Morta esta, parece ser que foi soterrada nun sartego de pedra
escavada na rocha. No lugar onde viviu, os veciños ergueron unha capela e
celebraban misas, comida e festa a súa honra. 
Fará menos de un século que a capela foi levada ou feita de novo preto
do pobo de Freás, contan os vellos que cando ergueron a tapa do sartego co fin
de levar as reliquias da Santa, non atoparon máis que un feixe de palla. As
razóns do traslado debéronse –tal como o contan-,  ó non ter que subir a costa nas celebracións,
a pelexas entre os mozos (dicían entón que si non había enfrontamentos entre
mozos dos pobos, non eran festa), parece que houbo un morto ou dous por estas
circunstancias. Os últimos anos só ían 
-xa que non había nin camiños-, algúns aventureiros, e os rapaces de
Freás, que facían baixo as grandes penedas que alí hai, os magostos. De aquel
tempo, referente a Santa, soamente se conserva un muro de pouca altura, ó
pé  un asento  corrido tamén de pedra,  e os alicerces da  capela. 

ACHADEGOS, HOXE NO CENTRO CULTURAL DE ASTARIZ

A Universidade de
Vigo –máis ben o departamento de arqueoloxía do Campus de Ourense- e o Concello
de Castrelo de Miño firmaron un convenio para escavar o Castro. A intención era
–e así se levou a cabo- que trinta estudantes de arqueoloxía de varias
universidades e algúns de Turismo, divididos en dúas quendas de quince días
traballasen no citado Castro. Un dos problemas que se presenta nestes casos é,
que os montes están parcelados e son propiedades de particulares, a venda ou a
cesión depende da habilidade de uns e da xenerosidade dos propietarios. Neste
caso como en outros houbo que contar entre outros, no traballo do Sr. Horacio,
veciño de Astaríz, un gran apaixonado en todos estes temas.

GRANDES PENEDOS NO CUMIO.

Para os que non
están metidos neste asunto, vamos a escribir un pouco sobre o que eran os
castros galegos e os seus habitantes os “castrexos”, inda que na actualidade
usase máis o termo “galaicos”. Sobre cando foron construídos e habitados pode
ser –si mal non lembro- dende o comezo da Idade do Ferro- ata a romanización de
Galicia e algún tempo máis adiante. Os castros eran lugares habitados, os
veciños vivían da agricultura e da gandería, tiñan unha función importante como
lugares de defensa, en este senso estaban situados no alto do monte, arredor
deles ían en descenso varias murallas formando aneles. Castros en Galicia hai
moitos –algún intento de censo fala de cinco mil-. Na parroquia de Macendo
debeu de haber un pequeno castro no pobo de Vilela e o pobo San Pedro foi  un castro. Típico dos castros son as vivendas
de cachotes en forma circular con tellado de colmo, tamén había algunhas de
forma cadrada.

O pasado día tres
de setembro, sábado, O Concello e a Universidade, tiveron a ben o dedicar unha
mañá para facer unha visita guiada a este castro de Santa Lucía. De once a doce
horas, no Centro Socio-Cultural de Astaríz, houbo unha información sobre a exposición
de materiais atopados no Castro: restos de tégulas (tellas), moita cerámica,
terra sigillata, de procedencia do Norte de Africa, moedas, pezas de tear e
outras.

Sobre as doce ala
fomos ata o pobo da Cancela onde aparcamos. Unha rufada de homes, mulleres e
nenos subimos a pe por unha pista recentemente feita, costa arriba, durante un
cuarto de hora ata chegar os inicios do  castro. Alí esperaba o profesor-director da
escavación, que iniciou a información mostrando as paredes e muros que facían
de foxo e tamén de muralla defensiva. Chegamos o cumio, ó profesor explica a
variada vexetación de arbores e arbustos que deben facer a delicia dos
estudosos do mundo vexetal. Achegámonos a veira cara o leste e  temos unha fermosísima vista do río Miño ata
máis alá de Barbantes. Explica o profesor que este Castro forma parte das
construcións defensivas que formaban parte da veira esquerda do río Miño, e que
tamén podía ter relación cas minas de ouro, que existiron o longo do Río, dentro
das numerosas que explotaron os romanos. 

O “traballo de
campo” dos arqueólogos –despois hai un traballo de laboratorio cas pezas
recollidas-, non se leva a cabo de forma “anárquica”, senón que se fai un
“estudo de campo”, feitas unhas “catas”, logo sinálanse “cuadrículas” mediante
cordas e cravos, e alí vaise facer a escavación. É un traballo de paciencia,
moi lento co fin de non alterar ou danar as achegas que se vaian producindo
–tanto que ata se usan pinceis-.  

A primeira
impresión que nos da a chegada o cumio –forma unha pequena chaira-, é un fato
de grandes penedos, os dous máis grandes xúntanse no alto deixando entre eles
un longo pasadizo. O redor destes penedos tivo lugar a escavación.  Cara o sur unha “cuadrícula”, cara o norte
outra, logo outra. O profesor vai comentando: restos dun muro, escaleiras,
conducións de auga, taller, grandes ocos nas rochas, muros defensivos e cara o
sur e baixando por unha empinada costa 
un lagar rupestre de orixe romana que documenta a cronoloxía polos
estratos, peza única xa que este tipo de lagares son considerados non antes do
Medievo. O profesor sigue comentando que os lagares  podían ser para extraer o viño pero tamén
para extraer aceite, -como estamos no Ribeiro, dinos que quen trouxo os bacelos
foron os romanos, máis quen expandiu o cultivo foron os grandes mosteiros de monxes
no Medievo. Tamén nos conta que a oliveira tiña grande extensión en Galicia –
pobos que hoxe co nome de Olivar, Oliveira, o manteñen-, Dona Xoana, a que
apoiaban os nobres galegos, perdeu a Guerra con Dona Isabel, e os Reis
Católicos para quitarlle o poder os galegos mandaron cortar polo pé ás
oliveiras.

Volvemos a subir
a pequena pero empinada costa outra vez ata o cumio do castro. A leda xuntanza
humana tira da “foto de familia”, son xa as dúas pasadas da tarde, a tripa está
valeira dende fai horas, hai que volver 
e  así se fai, agora máis libiana,
pois é  costa abaixo. Coido que a tódolos
asistentes quedanos unha boa lembranza deste día que tamén nós acompañou cun un
bo tempo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

80 − = 78