DANZA BRANCA A VIRXE DAS NEVES EN BARRAL (CASTRELO DE MIÑO).

DANZA  BRANCA A VIRXE DAS NEVES EN BARRAL (Castrelo de Miño)

O VECIÑO DE NOGUEIREDO CO BONECO PARA A DANZA DAS FINTAS DE BARRAL.

Tentando poñer
orde nos meus libros e papeis na casa de Albín, atopei un artigo do historiador
Enrique Bande, no Boletín Auriense, que leva o título de DANZAS BRANCAS NA
PROVINCIA DE OURENSE, e nel da unha información axeitada da danza procesional
que se celebraba  en Barral, no concello
de Castrelo de Miño. Logo fun tentando en buscar máis información por outras
fontes, das cales vou facer un resume.

VISTA DO POBO DE BARRAL

As danzas brancas
teñen un fin profano e relixioso –ter boas colleitas-, acompañando sempre á
procesión no día das festas patronais. Dependendo dos lugares, podían ter as
seguintes partes: 1. Reverencia, 2. Danza de paus ou pauloteado, 3. Ponte,
4.Cruz, 5. Serpentina. 6. Fitas ou trenzado. A mais vistosa é esta última, cada
danzante colle unha cinta e van trenzando e destrenzado arredor dun pau que
leva na punta un moneco. Os músicos acompañan sempre os danzantes con gaitas e
outros instrumentos.

 A vestimenta dos danzantes presenta unha gran
beleza de cores, predominando sempre a cor branca, de onde lle ven a
denominación de  DANZAS BRANCAS. Estas celébranse
en Castela e en Galicia – nas provincias de Pontevedra e a Coruña son moitas e
de grande solemnidade- en Ourense coido que teñen lugar na actualidade en
Xuvencos (Boborás), Allaríz, Vilanova dos Infantes (Celanova), Fontefría
(Castrelo do Val), Güin (Bande), Lamas (Xinzo), Laza, Cádavos (A Mezquita) e
Castro Caldelas. Quedan no esquecemento a de Maceda,  a de Seara de Montes (Cartelle), ata fai uns
anos en que os gaiteiros pasaron a Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.


DANZA BRANCA DE
BARRAL (Castrelo de Miño)


En Barral,
Castrelo De Miño, bailábase  os días
catro e cinco de agosto, acompañando á Virxe das Neves. Eran oito homes, dende
que estivo alí a “Sección Femenina” foi bailada por mulleres. Parece ser que se
bailou por última vez  no ano 1972, nun
concurso de danzas que houbo en Ourense.


A “Sección
Femenina”, eran un grupo de mulleres, pertecentes a Falange Española,que
mediante as chamadas “Cátedras Ambulantes”. ían polos Concellos intentando
recuperar o folclore local e impartindo variadas materias. Polos primeiros anos
da década dos setenta estiveron por Castrelo.


Na danza branca,
a vestimenta era para  os homes  zapatillas brancas, medias negras, pantalón
curto polos xeonllos, camisa branca, pano de Manila cruzado polo lombo, bandas
de cores, “pajilla” con catro cintas pendurando polos lados. As mulleres, saia  enfeitada con cintas de cores, blusas tamén de
cores, con cintas no pescozo, brazos e cintura, e un sombreiro enfeitado con
cintas e flores de papeis.


As partes máis
vistosas das danzas son –como indicamos xa-, o pauloteado ou choque dos paus e
as cintas ou trenzado. Nesta última un veciño leva  un pau longo collido  nas mans, na punta  leva un boneco – pode ser vestido de mariño- e
na parte alta amarradas cintas de cores, cada danzante colle unha cinta as
mulleres ca man dereita, os homes ca man esquerda, mentres bailan, pasando pola
súa dereita e pola súa esquerda van trenzando e destrenzando as cintas sobre o
pau, ó mesmo tempo o moneco  move pernas
e mans, pois o portador tíralle por un cordel. Este pau xunto co boneco era
gardado  dun ano para outro por un veciño.
No  1980 tíñao na súa casa de Nogueiredo
D. Xesús Álvarez.

.FOTOGRAFÍA DA REVISTA «Auria».

A parroquia de
Barral é de nova creación, no ano 1956, ata entón Barral dependía de San Estebo
Ponte Castrelo. Tratei de buscar a orixe e historia da danza nos arquivos sen
moito éxito, de tódalas maneiras non perdo a esperanza. Queda por facer tamén o
que se chama “traballo de campo”,  que os
veciños nós conten do que lembran da danza. No ADOU, nun documento do ano
1785,  informa que xa os veciños de
Barral tiñan devoción a súa virxe, pódese ler:

“Para poner las
demarcaciones de la capellanía de legos, con la carga de una misa rezada todos
los sábados en el altar de las Nieves, que hoy 20 de julio de 1785, posee
Bernardo Couto y Fernández, vecino de Barral”

Polo valor
relixioso, cultural e ata turístico, debería a Concellería de Cultura recuperar
toda ou parte de esta danza procesional, acompañando as festas patronais e a Festa
da Anguía.

Para máis
información podemos ir a:


Boletín Auriense
XX-XXI (1990-91).


AURIA, mayo 2009.
Nº 145.Año XIII.


Danzas gremiais e
procesionais na provincia de Ourense. Deputación Provincial.

LUIS DE ALBÍN.
2016.


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

56 + = 66