UN INVERNO NA VEIGA DO BOLO (1965-66)

SECUNDINO LORENZO e máis eu, fai poucos anos, fumos compañeiros impartindo clases no ISS «AS LAGOAS» de OURENSE. El é un paixoado da historia e lembranzas do desaparecido pobo da  ALBERGUERÍA. Un día de parola, contéille, que nos anos mozos, eu fora mestre nun pobo no Concello da Veiga do Bolo. Il pedíume que espremese os miolos,  que escribise todo elo. Así o fixen, e aquí van miñas lembranzas no inverno, nos meses finais do ano 1965 e os primeiros do ano 1966.

http://alberguería.es/lembranzas01.

De alí , a dous anos de facer a Oposición a mestre de Ensino Primario, fun destinado, na chamada «Campaña de Alfabetización de Adultos», a un pequeno pobo do Concello da Veiga do Bolo, chamado San Lorenzo. Para min que me criei nun barrio da cidade de Ourense, foi todo unha gran novidade.

MAPA DA PROVINCIA DE OURENSE. SITUACIÓN DOS CONCELLOS DE OURENSE E DA VEIGA DO BOLO.

A viaxe ó pobo de San Lorenzo, cando case ninguén tiña coche particular, era unha gran aventura, e podía durar dous días. Lembro dúas viaxes.

Un foi collendo un autobús dende Ourense ata Verín, logo outro dende Verín á Gudiña, logo o seguinte dende a Gudiña ó Alto do Covelo, e logo o último ata o pobo da Veiga. Isto supuxo dous días. Despois do tempo que había que pasar de espera entre un autobús e o seguinte, tiven que facer a primeira noite na Gudiña. No Alto do Covelo a espera, de horas, foi nunha tenda-bar pasando un frío tremendo, pois tiña as portas abertas de par en par. Ata a Veiga foi nun vello autobús con bancos de madeira, que non estaban fixos, por unha estrada chea de curvas. Empezou a chover dentro, e tivemos que abrir os paraugas. Falou un veciño para contarnos, que naquela curva que pasamos, había dous anos, que os habían parado os «fuxidos», e que lles levaran unhas poucas cousas.

Outra viaxe foi en tren, dende Ourense ata a Rúa, saíndo á medianoite e chegando ó romper o día. Alí un mozo vendía na estación, enriba dunha mesa de madeira, libros vellos de clásicos españoles, ninguén miraba para eles, só eu merqueille algúns. Despois de esperar moito tempo, collimos un autobús -este estaba en mellores condicións-, tras moitas paradas -campaba no alto a torre do Bolo-, chegamos a Veiga.

A capital do concello da Veiga, era un pobo pequeno disposto ó longo dunha rúa principal, dispuña dunha grande tenda que vendía de todo, propiedade dun Señor que viñera da provincia de Ávila, como vendedor ambulante, que se estableceu alí-. Súa filla que logo foi mestra en Ourense, tiña un tocadiscos -inda non había televisión-, que nós íamos escoitar algunhas veces. Había un bar bastante axeitado, a Casa do Concello, a do Médico, a Casa Cuartel da Guardia Civil, dúas fondas e pouco máis. Celebrábase unha feira de gando bastante concurrida, onde unha alegre moza, que estivera na emigración, traballaba sacando fotografías. Un vendedor de gafas graduadas, estendidas sobre unha manta, onde o comprador ía probando cás que vía mellor.

POBO DE SAN LORENZO NO INVERNO.

Pero a Veiga non era o destino, había que ir ós pobos do Concello, para os que non había transporte. Como chegamos ó anoitecer e estabamos no inverno, había que facer noite nunha fonda. Nós paramos na que está no fondo do Pobo, indo a dereita, onde a «patrona», recibíunos  con grande delicia e fortes apertas. Caserón antigo de pedra, subindo uns chanzos, topámonos con unha gran lareira, que tiña o redor grandes bancos con respaldo, onde nós quentamos e parolamos todos. Pasamos logo, por un longo corredor, cás  frías e rústicas habitacións ás veiras, ata o fondo onde había dúas salas, que facían o oficio d comedor. A comida era todo un gozo para a vista e o gusto. Sentados o redor dunha gran mesa, ían poñendo no medio grandes fontes de sopas, caldos, cocidos e asados, acompañados de bo pan e viño, collendo de cada dunha delas ata fartar. A «patrona», gabábase na longas parolas o redor da lareira, de que cobradores de facenda e inspectores de educación, quedábanse alí días, e logo volvían a casa sen facer o traballo.

Para outro día había que ir ó pobo onde estabamos destinados. Non só non había transporte, tampoco estradas, só malos camiños de pedras e terras, se non levabas cousas de moito peso facíase a pé, pero non, se había que recorrer o único coche, un todoterreno, que tiña un mozo solteiro. E así cheguei ó pobo de San Lorenzo, seguindo a mala pista que ía dende A Veiga a Xares.

Alí conseguín, non sen traballo, pousada nunha casa particular, con unha señora, que tiña o marido emigrante en París. O día seguinte, o alcalde pedáneo, tocou a campá dunha capela, que estaba no alto do pobo, e alí comunicou os veciños presentes, que había escola á noite, para todos os que quixesen acudir. Como local escolar utilizábase o baixo dunha casa, de día unha mestra dáballe escola os nenos -serían uns trinta-. De entrada presentáronse dous problemas: non había luz e cando chovía, como o pìso era máis baixo que o camiño, inundábase. O primeiro foise solucionando cá axuda dun mozo, que dando golpes nos cables do camiño, con un zapato, logrou a conexión eléctrica, cando había inundación, no se daban as clases. A estas clases pola noite, asistían moitos mozos e mozas, e algúns domingos, despois da misa, como eu non tiña outra cousa que facer, tamén daba escola.

Os veciños e veciñas, era xente sinxela, a maioría tirando a altos e delgados, de ollos claros  e pel  branca, tostada polo aire e o sol, parecían decididos e dispostos, sobre todo as mulleres. Como zona que é de montaña, as terras de labor non parecían moi productivas, pero si a cabana gandeira. Pola mañá, sobre as nove ou as dez, a golpe de trompeta ou de campá, xuntábanse na explanada do alto do Pobo, tódalas ovellas e cabras, que con todo o rabaño marchaba un veciño que facía de pastor. A quenda dependía do número de cabezas que tiña cada un. Tamén se falaba moito de caza, e sempre de corzos.

POBO DE XARES

Xares era un pobo grande e moi bonito, con unha gran aira e casas con balcóns de madeira, pegadas unhas ás outras. No edificio escolar, bonito edificio de pedra, daban escola un mestre e unha mestra. Cruzábase o río Xares, dando saltos de taboa en taboa, por unha pasarela de madeira. Cando  ía a ver un amigo -para desesperación  deste-, o Señor da casa pasaba horas falando, con calma e parsimonia, de contos do pobo, que ó rematar despois de horas, volvía a repetilos na mesma orde e cás mesmas palabras -que magoa non habelos collido-. Falábame, entre outras cousas, dos «fuxidos», de como estivera alí un destacamento de soldados para perseguilos, de como unha nena, que era filla súa, tiña que levarlle tódalas mañás, o leite da vaca ó Capitán.

E onde hai ovellas anda detrás o lobo. Do médico dicían que cando ía no invernos ós pobos, atender ás urxencias, montado na súa mula, saíanlle os lobos, e pasaba moitos apuros. Eu que facía moitas veces a carreira, o camiño de San Lorenzo a Xares, pasando polo alto de Caritel, topábame con rabaños e pastores, máis en certa ocasión dous grandes «cans» seguíanme. Despois dixéronme que eran os lobos, que estaban ollando ó rebaño. Contaban os veciños historias  de lobos, coma cando os nenos -que facían de pastores-, turraban eles por un lado e o lobo por outro, disputando unha ovella.

Aquel inverno nevou dabondo, tanto que case vinte días non poide saír do pobo. A incomunicación era de todo. Eu que había mercado un transistor de pilas -oíase pouco-, sabía que había outro mundo. Pois a pasar frío, a comer carne de porco -os chourizos eran moi bos-. Era tempo da «mata do porco», que facían tódolos veciños, ás que o Cura nunca faltaba. Relacionado cá neve lémbrome de dous acontecementos. Un domingo a

á mañá había unha gran nevada, saín de San Lorenzo cara  Xares, o caso é que me perdín polo camiño, os camiños e os tellados das casas, estaban cubertos de neve e non se distinguían, a pesares de coñecelos ben. Naquela mañá fría e escura, logo de dar moitas voltas, parecéume, que por fin vía saír fume dunha casiña, alá fun monte a través, o caso é que pensando que estaba en Xares, estaba San Lorenzo, sin sabelo. Algunhas tarde ía ó bar da Veiga -a cinco quilómetros-, onde me xuntaba con algúns compañeiros de outros pobos, como sempre había moita parola, e remataba volvendo a San Lorenzo, cando caía a noite, caían forlepas e ía á carreira. de lonxe ouvín como xemía alguén. Vin unha man entre a neve, achegueime, era un vello que se perdera polo camiño. Xa sendo noite pecha, alá o subin o lombo, e con el cheguei a  súa casa, derrengado, con alegría da súa muller, que estaba moi preocupada.

SAN LORENZO ANOITECENDO.

Os «fachóns», foron outra novidade. Nunha das camiñadas que facíamos polas tardes, chegamos ó pobo da Hedreira, tiñamos fame. No sobrado dunha casa había unha pequena tienda, sentamos na mesa, o único que tiñan para comer eran latas de conservas, dimos boa conta delas, acompañados de viño, ata que se fixo noite. Os camiños cá choiva e cá neve estaban cheos de lama, e había que ir camiñando de salto en salto, o alumeado público non existía, a noite era escura e fría. Unhas veciñas ó vernos tan desamparados, foron por palla e apresando e enroscando fixeron uns «mollos», cada un de nós levaba un par, e prendendo uns nos outros -viñan durando uns dez minutos cada un-, conseguimos chegar á casa.

Lembro unha gran comida, que sirviu a patrona da casa, só por que tiña a costume de facela para certos veciños -parecía unha obriga-. Foron sete pratos, eu ó cuarto xa non podía máis, pero eles seguían comendo. Lembro tamén a Corrida do Galo. Os nenos da escola polo Entroido levávanlle os mestres un galo, logo soltábano polo monte e todos a correr del, non quedaba ben de saúde. O meu amigo de Xares metéuno nunha caixa e veu con el no coche, máis na viaxe escapoulle da caixa, que como non se daba collido, o chofer tivo que parar o autobús.

POBO DA VEIGA.

Entre os personaxes populares que por alí vivían, estaba o Gregorio, o gaiteiro de Xares, que tocaba os domingos pola tarde, cando se xuntaban mozos e mozas para parolar e bailar. Un día foi o Gobernador Civil de Ourense -home moi importante naqueles tempos-, á unha inaguración, e o Gregorio tocóulle unhas pezas, das que quedou encantado. Outro personaxe era o «Practicante» -hoxe ten o nome de ATS), que si mal non me lembro chamábase Xoaquín. Tiña unha moto e un renault pequeno, todo un luxo cando inda case ninguén tiña vehículo propio, aparcados sempre no camiño diante do bar, alí á vista de todos trataba de arranxalos. Tiña que desprazarse ós pobos e pedíanos ós mestres que o acompañásemos no seu coche. Como era moi mañoso, tiña un transistor atado o taboleiro con gomas -non se inventaran as radios nos coches- e botaba un arame pola ventá, que facía o oficio de antena. O chegar ós pobos era un rebumbio, preguntaba

Quen ten que poñer a  inxección

Uns contestaban que si, outros que non, e os demais que a deixaban para outro día.

O noso amigo tiña unha historia oculta -tal como me contaron-, estivera vivindo en Madrí, onde tivera rfelacións con unha artista ou cantante famosa, ela deixóuno por outro, triste e abatido abandonou á capital, para vivir  súa tristura no pobo da Veiga. Acabou a vida «fochicando», que era o que lle gustaba. Un día -pasados anos-, lendo a información de Sucesos nun Xornal, souben o seu final: desde a ventá da súa casa tentou arranxar uns cables eléctricos, tivo unhas fortes descargas, e asi morreu aquel home solitario e soñador.  

Facía uns anos, que  pobo da Alberguería fora inundado polo salto de Prada, fálábase pouco, só que a xente fora a treballar alí por dous anos. Contábanme que un barqueiro cruzaba o encoro, mentres a filla ía tocando a gaita. Do pobo de San Fiz, colocado nunha forte ladeira, tamén dicían que ataban os carros con cadeas.

Os mestres e curas alí vivíamos eramos case todos xente nova. Como tíñamos poucos anos de servizo, para nós quedaban sempe os postos vacantes, que eran os das poboacións de difícil comunicación. O ter poucos medios de transporte a estancia alí duraba case todo o ano. Os homes naqueles tempos tiñamos máis liberdade de movemento, e xuntabamonos nun pobo ou outro -sempre a pé-, cando o tempo o permitía, as nosas compañeiras pasaban o tempo entre a casa e a escola -case sempre-. A medida que ían aparecendo novas vacantes, pasabamos a un novo destino, máis preto da nosa casa e familia. Sempre queda en min e nós meus compañeiros, a lembranza dos anos mozos alí vividos. ESPERO ALGÚN DÍA VOLVER A VISITAR A VEIGA DO BOLO.

LUIS DE ALBIN


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

36 + = 46