O CURA QUE SE ENCONTRABA BEN

 

Na revista cultural «O Canadeiro», que tiveron a habilidade de publicar os veciños das Bouzas, no ano 2005, con motivo das festas da parroquia de Santa Mª de Macendo, figura un artigo co título «O cura que se encontraba ben», o cal fai referencia a un suceso acontecido, alá polos anos trinta ou corenta do secúlo pasado, no pobo de Casardeita. Contoumo o Sr. Cesareo, que naquel tempo era veciño de Albín, e facía as veces de sancristán.

 http://macendo.blogspot.es/img/casardeita04.jpeg 

POBO DE CASARDEITA

 

No pobo de Casardeita, parroquia de Santa Mª de Macendo, vivía nunha casa vella un home coa súa familia. Este home púxose moi enfermo, hasta tal punto que xa estaba medio «pámpano». E como era costume, cando a morte chamaba a porta, a familia axiña foi avisar a cura, para que fixese o que fose   máis axeitado nestes casos, ou ben confesalo e darlle a Eucaristía, ou xa a Santa Unción, pois a cousa ía de mal en peor.

 

En vista da urxencia, alá foron en procesión: o cura coa Santa Unción, o sancristán tocando a campaniña, para que a xente que se atopase, soupera de que ía e rezase oracións, as beatas (moitas delas solteironas, que pasaban a vida na igrexa, e a xente dicía que «só servían para vestir santos»), e outros acompañantes. Todo o grupo ía rezando en alto, de tal maneira que o velos pola noite entre faroles e rezos, metían moito respeto.

 

O chegar a habitación do enfermo, o cura e o sancristán comezaron a facer o seu traballo, cando de alí a pouco no piso, polo vello e polo peso de tanta xente (non se tomara a precaución de estivalo desde a bodega), rompeu una viga e cedeu polo lado dunha parede, ata que parou nun estadullo do carro. E cara esa ladeira marcharon todos os presentes nunha morea, facendo bolos: o cura, o sancristán, as beatas, os acompañantes, os familiares…, mentres o enfermo quedaba berrando colgado pola roupa, no fondo do cuarto.

http://macendo.blogspot.es/img/curamacendo01.jpeg 

D. MANUEL CABO SOTO,  FOI PÁRROCO DE MACENDO, MAIS DE TRINTA ANOS, MORREU NO ANO 1944. ESTA SOTERRADO NO CEMITERIO PARROQUIAL

 

Os berros que botaba toda esta xente, escoitáronnos os veciños que por alí andaban, e foron correndo a ver o que pasaba. Foron por sedeños, e dende o tellado ían tirando os mesmos hacia as personas caídas. Estas foron atando o sedeño a cintura e turrando os homes foron sacándoas.

Pero con tanto rebumbio, non se deron conta de que faltaba, entre outros o cura. Ata que un berrou.

– ¿O cura, que é do cura? ¿non estará morto?

E entón oíuse unha voz alá no fondo, que dicía:

– Non vos preocupedes por min, que eu estou ben.

 

Seguiron sacando a xente, pero de o cura non se sabía nada. Despois de certo tempo, volveuse a escoitar a súa voz:

– Facede as cousas a modiño e ben feitas, sen presas, e non vos preocupedes por min, que eu estou ben.

 

Ata que por fin, pasado certo tempo, alá no fondo de todo, nun curruncho e moi aconchegados, pois o sitio non daba para máis, viron o cura e unha moza daquelas que acompañaban o enfermo. Os homes facendo un grande esforzo, conseguiron sacar ámbolos dous sans e salvos. E non pasou nada máis que se saiba, pero xa sabemos qie as «malas linguas» contan as cousas como lle parece. Aquilo foi un «milagre», pois só unha muller torceu unha perna, levárona o «arreglador», e axiña sandou.

 

O pouco tempo o home morreu, como nos a pasar a todos. A noite do velorio (este facíase sempre na casa), o acompañamiento dos veciños foi moi grande, dadas as circunstancias do caso e por ser persona moi coñecida. Como a noite facíase moi longa e facía frío, os familiares do defunto(según o costume), foron servindo os presentes primeiro café con «pingas» de aguardente, logo pasouse o licor café, aguardente de herbas e outras bebidas, e a noite pasou entre rezos e sobretodo en parolas, contos, bromas e ata algúns botaron unha partida a «brisca».

 

O día seguinte tivo lugar o traslado da caixa a ombros dos familiares, os funerales e o enterro, todo acompañado cos responsos cantados e rezados polos curas. Quero deciros que os responsos de entón eran cantados en latín, polo que a xente non sabía o que querían dicir, pero a forza de tanto escoitalos aprendíanos de memoria, o que sabían era que con eles a ánima do defunto saía antes dos «tormentos» do Purgatorio, pois si caía no inferno non tiña nada que facer. 

 

Os responsos comezaban xa na casa do morto, logo o acompañamento ía parando polo camiño, diante das portas das casas dos veciños, no cruceiro, nas encrucilladas, no adro e logo dentro da igrexa, onde tiñan lugar os funerales e se cantaban moitos, e por fin o ir a enterrara o defunto. En todas estas voltas o cura ía cantando cando llo pedían, a vez que ía collendo os cartos dos veciños e familiares. Rematado todo, moitas veces os curas ( o funeral podía ter tres, cinco ou máis), esperáballe un bo xantar, que remataba cunha partida de baralla, na casa do abade da parroquia, seguindo o dito «o crego onde canta xanta». A tardiña volvían as súas casas reitorais o lombo das cabalerías. Pero volvamos o caso.

 

A  pesares do «milagre», que fora moi comentado, os curas mantiveron o mesmo prezo das «esmolas» para os responsos, que foron así:

O Lázaro, un can (10 ctmos. de peseta).

O Credo, dous cans.

O Recorderis, un real (25 ctmos. de peseta).

De Pecante, dous reais.

Ánima, unha peseta.

Ánima solfeado, dúas pesetas.

O Vixilia, vinte e cinco pesetas. Este só o pedían os ricos.

 

Os responsos foron moitos, pero o cura da parroquia, andaba cabreado como outras veces, pois a xente pedía moitas veces «O Lazaro», collía poucos cartos e tiña que cantar moito.

http://macendo.blogspot.es/img/entierro01.jpeg 

 

O cemiterio da parroquia de Macendo está no adro da igrexa. Alí está enterrado o noso defunto, aínda que non sei donde.

 

LUIS  DE  ALBÍN.

 

 

 

 

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

37 − = 32