O CORO DE MACENDO
O domingo pasado ás cinco e media da tarde, no Centro Social de Fondodevila, tivemos unha xuntanza un grupo importante de veciñas e veciños, coa intención de facer un coro na Parroquia. Os asistentes estiveron moi subidos de ánimos e cheos de ilusión.
PARTE DOS ASISTENTES A REUNIÓN
Acordouse formar unha comisión para que fose levando os primeiros pasos da formación da mesma, poñer lugar e horas de ensaios, invitar a tódolos veciños que este día non poideron vir, e tamén que a Directiva da que será «Asociación musical» estea formada a maioría por mulleres.
PARTE DA COMISIÓN CO PROFESOR
Os ensaios comezan o sábado día 20, as catro da tarde, no local Social de Fondodevila (onde está o Consultorio médico). Está aberta a matrícula para todos, que é gratuita.
Volvendo tempos atrás, e para o que queira seguir lendo, Macendo ten unha longa tradición musical, non so con gaiteiros e acordeonistas (dos que escribiremos outro día), tamén dos coros. Así contaronmo.
En tempos pasados, e sobre todo cando era cura da parroquia «O Escaleira» (xa falaremos da súa vida e obra), chegou a haber dous coros en Meizo. Un sen director, e outro dirixido polo mestre Xosé María, que vivía en Pousada (tamén falaremos da súa vida e obra). O tempo había tres tipos de cantos, en latín, para a misa: o cantollano (que era o máis fácil), o gregoriano e outro.
Neste Coro de Meizo cantaban tamén os de Ramiras. Pasado algún tempo foron a Puga, onde ensaiaban coa «banda» do Rogelio, que era unha «banda» pequena, formada polo Rogelio, os fillos e algún máis.
Coro e música camtaron o día 15 de agosto na misa de Macendo. Logo ían cantando onde os chamaban: Xestosa, Toén, Moreiras…
LUIS DE ALBÍN.